domingo, 29 de enero de 2012

Contextualización medieval en Galiza

Toda a vida do noso presente está construida en base ás sociedades de noso pasado.
Remontámonos a un período de ampla e variada cultura que temos aínda por descubrir: A IDADE MEDIA.
Hay moita información sobre estes mil anos. O primeiro de todo é saber que se divide en dúas partes: A Alta Idade Media (do século V ó X) e a Baixa Idade Media (do XI ó XV).
Pero cando falamos da Idade Media.. ¿Qué se nos pasa pola cabeza?
A mín debúxaseme na imaxinación unha nena coa súa nai rezando nunha igrexa en penumbra.
Pouca iluminación podería entrar polos reducidos vanos das igrexas románicas.
Sobre todo na Alta Idade Media é fundamental dicir que o pensamento e forma de vida das persoas estaba completamente alienado polo papel da Igrexa. En Galicia seguía a haber outras relixións que eran usuais na xente. Por exemplo, rendíanlle culto a elementos da natureza como ó mar, a unha pedra...
É dicir, que a relixión cristiana non estaba completamente identificada con todas e cada unha das partes de Galicia. Pensándoo ben, as terras de Galicia estaban prácticamente despoboadas cando caeron os últimos vestixios do Imperio Romano.
¿Qué había en Galicia?
Habitaban homes e mulleres, nenas e nenos, espallados polas chamadas "Repúblicas de Homes Libres". Ó fin das contas, dedicábanse básicamente a sobrevivir nun clima de inseguridade. As antigas grandes cidades romanas como Lucus Augusti ou Bracara Augusta estaban completamente despoboadas. Lóxico, xa que as cidades eran os primeiros sitios que saqueaban e desolaban o resto de habitantes da Península Ibérica: os nosos veciños os Vikingos. Ou tamén os bárbaros do resto de Europa. Ademáis, a Galicia éralles moi fácil acceder por mar.
Como directa consecuencia disto, foi case como un papel en branco a repoboación. Fundamentalmente realizada por curas, bispos e señores feudais. A causa principal desta repoboación foi o "descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago" e Xacobeo. Foi ordeada por Alfonso II O Casto, Rei de Asturias. Con este Xacobeo, ou "ano de perdón"; Galicia conseguiu ser o principal centro de peregrinación de todo o mundo. Qué gozada poder cometer todas as atrocidades e inmoralidades que un quixera se ó viaxar a Compostela en Ano Santo estaba un completamente absolto dos seus pecados! E podería ir ó ceo sen sequera pasar polo purgatorio! Pero vaia choio!
Vivían nun absoluto teocentrismo, por eso é moi importante ter en conta o papel da Igrexa sobre todo na Alta Idade Media. Obviamente a xente do común non tiña acceso ningún á cultura, e iso foi outra causa que favoreceu o alienamento da poboación por parte da Igrexa.
Pero isto é somentes unha pequena parte da vida na Idade Media...
¿Cómo vivía unha familia na Idade Media?
Pois depende de en qué estamento se colocara. Arredor do 80% da poboación formaban parte do terceiro estamento. A diferenza das clases sociais actuais, as cales se definen por intereses económicos; os estamentos estaban definidos xa por nacemento. Se ti eras campesiño, ías morrer como tal. E tamén os teus fillos.
Vivían en pallozas e tiñan unhas moi malas e duras condicións de vida. Convivían cos animais que tiveran dentro da casa. Mentres que os nobres, o clero e señores feudais tiñan un nivel de vida completamente impensable para os campesiños.
Pero ¿quén dictaminaba isto?
Deus. Esa é a mellor resposta para todas as preguntas molestas. Igualmente que no Antigo Réxime cando se preguntaban quén nomeaba os reis. E punto. Así non había discusión que valera.
Foi entonces cando se orixinou o feudalismo e sistema de vasallaxe. Como protección ante as racias dos vikingos. Formáronse condados, pequenas extensións de terreo gobernadas por un señor feudal. Os vasallos rendíanlle fidelidade ó amo coa finalidade de non estaren desamparados nesa clima de inseguridade que era a Alta Idade Media.
As terras concentrábanse na nobreza e no clero polo sistema de encomendas.

Eu pregunto... Terá que pasar o tempo para que as nosas xeracións futuras observen o noso actual presente e denuncien esta inxustiza como nós denunciamos a dos nosos ancestros medievais?

lunes, 9 de enero de 2012

Non é un paraíso, pero paréceselle moito...

-Son Siluri e ista é a miña historia:


Cando tan só era unha nena, a miña familia e mais eu emprendimos unha longa viaxe coa demais xente do poboado.
Vivíamos como podíamos en Rostock, ao Norte de Europa. Eu, a pequena e única filla dunha das familia nobres; era feliz nese pequeno recuncho do mundo.
Meus pais me contaban que todo ía ben antes, que dalgunha maneira sobrevivían, abastecéndose e rapiñando de cando en cando ás cidades próximas.
Pero chegou un momento no que a situación foi insostenible.
Os días cada vez eran máis fríos e tormentosos, pero o peor de todo eran os camiñantes que acechaban, que aparecían nas frías e escuras madrugadas montados a cabalo arrasando con todo o que se poñía por diante deles.
A situación non podía continuar así, decía meu pai.
Entón, un día de inverno de madrugada, el mesmo espertoume velozmente.
Todos os meus coñecidos xa estaban preparados cando saín a fora. Eu non sabía o que sucedía pero algo grave estaba a pasar.
Miña nai colleume da man e seguimos os pasos do resto da xente.
Cada paso parecía o último, a medida que ía avanzando estaba convencida de que os meus pes ían quedar esfondados nesa brancura brillante da que tanto desconfiei.
Uns ían rápidamente, cunha horrible expresión na cara; outros a paso normal e concentrados somentes en avanzar. Sempre recordarei cómo a miña nai me apretaba a man contra a súa naquel momento. Fíxoseme eterno, coma si andaramos kilómetros e kilómetros polo xeo e nunca chegara o momento de pisar terra firme. Pero chegou, e todos estabamos sanos e salvos.
Despois de meses de viaxe, de veras longos, con múltiples perdas entre os nosos; o caudillo decidiu cal ía ser o noso destino.
Dixo que pactara cos romanos, xa que ningún de nós queríamos estar subordinados ó seu mando, nin tampouco pagar os tributos. Así que elixiu unha rexión situada no Noroeste da Península.
Continuamos a nosa viaxe seguindo as estradas construidas polos romanos, que neste caso nos favoreceron bastante.
Pasaron os días e por fin chegamos ó noso destino. Era un paraíso, e se non o era parecíaselle moito:


Un confín de diferentes tonos de verde; montañas moldeadas co paso dos anos, ríos longos e caudalosos con afluentes, acantilados, cascadas, precipicios, bosques, fragas, praias e calas...
Rezamos a Wotán para que nos fixera gañar todas as batallas e así permanecer alí para sempre.
Rezamos a Freya para que nos dera amor, tan necesitado nese tempo de guerras e saqueos.
Pero, sobre todo, rezamos para persistir alí, nese hermoso lugar.

Asentámonos en pequenas aldeas xeralmente preto da costa, onde as mulleres puideran cultivar a terra e os homes saír de caza.
Construímos fortificacións para defendernos dos inimigos aproveitando o favorable terreo, utilizando as montañas ou outelos para torres de vixiancia e os asentamentos preto da costa para vixiar as invasións por mar; xa que os nosos principais inimigos, os vikingos, atacaban por mar ou río saqueando á poboación; e os visigodos, que residían no resto da península, podían atacar en calqueira momento.

Pero, aínda tendo en conta o perigoso da nosa vida; pagaba a pena porque nós eramos donos de nós mesmos, vivindo á aventura. Vivíamos da agricultura, da pesca, da caza ou gandería.
Ningún era máis que outro, eramos libres.

Nós, tiñamos a liberdade como forma de vida.



Os anos ensínannos moitas cousas que os días ignoran

-¿Que se che pasa pola cabeza cando oes a palabra "suevo"?
-Pois... Que foi un reino fai moitos anos, aquí, na Península Ibérica...
-¿E se che digo que en qué parte dela se asentaron?
-Pois moi fácil, onde actualmente está Galiza e un pouquiño máis ó sur no norte do actual Portugal.
-Vaia... Pois aínda sabías máis ca min cando comezamos este tema na clase. Parecerache mentira pero en realidade non se saben moitas cousas nin dos suevos, nin da súa historia ou os seus costumes... Vamos, que mateime a buscar cousas en internet sobre eles para unhas cousas que tiña que facer para clase e nada! A verdade é que pouco atopei por non decir nadiña!
-A verdade e que tés razón, non che hai por alí moitas cousas dos nosos antepasados. Se leras de ben hai bastantes libros que che poderían contar a nosa historia; pero se queres eu che conto unhas cousiñas encantado.
-Vale! E que non che teño nin idea. Pero non sexas rollento que logo quedei con Roque que acaba de sacar o carné e imos ir a dar unha volta e supoño que a merendar no McAuto...
-Parece mentira que estes nenos de hoxe en día saibades máis cousas doutros países destes modernos de hoxe en día e ignoredes o voso! Ai ai ai ... Pois creo recordar unhas cantas cousiñas que ó mellor sonche de utilidade...
Por onde comezar...
Os suevos, foron uns dezmil homes, que falaban xermánico e que máis ou menos no ano 400 tiveron que fuxir.
-Fuxir? De onde? De qué? Cómo?
- Os nenos falan cando mexan as galiñas! Non me interrumpas nena que senón perdo o fío da historia que un xa ten os seus anos...
Que cómo viñeron..Pois a ver, como ben ía dicindo antes tiveron que fuxir, porque eles estaban establecidos alá polo Norte de Europa, e nese tempo estaba o Imperio Romano localizado ó oeste, e ó leste os Hunos. De maneira que os pobres suevos quedaron pechados entre estes dous, e non lles quedou máis remedio que fuxir cara ó oeste, xa que miña nena, os Hunos eran malos malísimos, arrasaban con todo, queimaban pobos enteiros; non crecía a herba por onde pasaba o cabalo de Atila.
Pero como os lindantes do oeste tampouco lles deixaban paso, tiveron que esperar a tal noite coma unha moi moi fría do ano 406, na que o famoso río Rin xeouse, e permitiu así o seu paso cara o oeste e a fuxida dos Hunos. Aproveitaron o sistema de estradas romano para o seu avance.
Despois, creo recordar que non quixeron aliarse cos romanos, estes suevos, tan libres e tan tozudos... Xa ves! Non se querían someter a eles. Entón, acabaron por asentarse na nosa Galiza actual e formando o seu propio reino, o Reino Suevo; coa súa capital en Braga. Por aquel entón, era unha zona case non romanizada na que persistía o priscilianismo e o arrianismo.
- Interesante!!! Non sabía eu iso, gústanme estes suevos e a súas decisións!
-Gústanche porque casi son tan tozudos coma tí miña nena! Xa che dixen que non me interrumpiras...
-Pero e que eso último que dixeches soábame completamente a final.
-Bueno, vale; pois espérame quietiña un pouco máis que aínda che quedan unhas pequenas cousas!
¿Sabes que todavía hoxe en día se conserva a mesma distribución por parroquias e aldeas que a que tiñan os suevos? Exactamente 134 eran as que formaban a Galicia sueva, e son as mesmas as que forman as diócesis eclesiásticas actuais.

Tamén sería importante dicir que a situación xeográfica favoreceunos moito contra os ataques porque resto da península habitaban os visigodos, e dende logo foi un punto ao seu favor o noso relevo tan accidentado. Por suposto, eles o aproveitaron e construiron grandes fortificacións para a súa defensa.
¿Quen ía pensar hoxe en día que isto sería unha desvantaxe? Moito máis caro é poñer aquí estradas que en Castela que éche todo igual, todo chan, todo seco...

- Ejem , ejem...
-Vale neniña! Xa podes marchar, pero que non se marcha tamén esta información da túa cabeza!
-Non o fará! Grazas pola conversa, que foime de gran utilidade. Vémonos á noite!
-Vémonos! E que aproveite!

domingo, 8 de enero de 2012

300 anos de "época escura" en Galiza


Este novo tema no que nos imos sumerxir trata de explicarnos o que sucedeu no NO da Península Ibérica máis ou menos dos anos 411 ó 700; é dicir, casi 300 anos de historia de Galiza dos que nós (os galegos) realmente non sabemos moito.

Neste período histórico conviven diversas culturas na Península Ibérica. No NO estaban os nosos antepasados, os Suevos (galaico-romanos) , tendo a súa capital en Braga. Ocupando o resto da península encontrábandse os Visigodos, os cales tiñan a súa capital en Toledo. De cara a fora da península estaban os romanos e tamén os bárbaros.

Isto é un pequeno resumo para entrar en materia, xa que desta época escollín desenrolar temas como a verdadeira historia dos nosos antepasados, os suevos, e a súa influencia na actual Galiza, as (chamadas por Manolo Gago) "Repúblicas dos homes libres", e algúns relatos sobre a vida dalgúns reis Suevos (aínda que sempre con un toque de ficción).